Nova

19/07/2017

Firma do Convenio de Colaboración entre os concellos de Begonte, Castro de Rei, Friol, Outeiro de Rei e Rábade para a prestación do Servizo de Prevención de Condutas Aditivas.

No ano 2008 os Concellos de Begonte, Outeiro de Rei e Rábade cofundaron o Servizo de Prevención de condutas aditivas que prestaba atención a tódolos municipios da agrupación. Co paso dos anos a evolución da agrupación pasou por varias fases, chegando a sumarse a día de hoxe os concellos de Castro de Rei e Friol nunha clara aposta pola prevención, abarcando nesta nova etapa unha poboación superior á anterior, cun total de 18.630 habitantes.

O actual convenio firmado o 19 de xullo entre os concellos de Begonte, Castro de Rei, Friol, Outeiro de Rei e Rábade, consolida un compromiso pola prevención a desenvolver en 2 anos, con actuacións socioeducativas centradas nos ámbitos escolar, familiar e xuvenil con actuacións específicas en centros educativos, ademais de programas de información e sensibilización, de deshabituación tabáquica en colaboración coa AECC, de atención a persoas coidadoras de dependentes, de prevención do consumo de drogas na condución...

Este convenio manifesta o compromiso destes concellos pola prevención de condutas aditivas en tódolos grupos de idade e en tódolos ámbitos da vida.