Cada ano, ao redor de 40.000 persoas de todas as idades visitan en Begonte o Belén Electrónico que en 1972 fundaron José Domínguez Guizán e José Rodríguez Varela, fillo predilecto a título póstumo do Concello de Begonte. Xentes de toda Galicia peregrinan a Begonte facendo deste pobo chairego a capital do nadal en Galicia.
Velaquí o que del dixo Fiz Vergara Vilariño, o poeta de Santalla de Lóuzara:
ergueron en begonte un monumento:
Ronsel de paz divina, facha ao vento
rebordante de amor e transparencia.
Déronlle, apaixoados, a inocencia
da poeira do camiño borrallento
mixturada cun máximo talento
a se erixir no centro da conciencia.
Déronlle, asemade, luz da estrela,
guieiro dos peregrinos ao portal
na grande noite serea e misteriosa…
Déronlle, en fin, ciencia ben sinxela
para facer de Begonte unha lanzal
Galilea máis galega e máis fermosa
O Belén
Trátase dun Belén que ten vida propia, no que as figuras están animadas electronicamente e, conxuntamente, conforman unha escena de Belén tradicional propia de Galicia, onde os labradores cultivan a terra, os pastores atenden o gando, os carpinteiros carpintean e os pescadores pescan. Todo para mellor escenificar e representar, unha imaxe que ten tanto de inocencia como de técnica, de fe como de respecto á tradición.
No transcurso dos anos o Belén foi crecendo, ocupando toda a planta baixa do local onde está instalado, e cada ano vive unha profunda transformación para que os que acoden todos os anos a velo -que son moitísimos- teñan sempre novidades que ver e que contar.
Desde hai uns anos, na sala inmediata ao Belén está montado o Museo do Belén, onde se van incorporando en cada edición os edificios, as figuras e os conxuntos animados que cada ano van sendo renovados na instalación.
O Nadal
A tempada de Nadal, en Begonte, dura dous meses. Desde comezos de decembro ao final de xaneiro.
O comezo márcao o Pregón de Nadal que pronuncia unha figura da vida cultural, social ou relixiosa de Galicia. Pregoeiros do Belén foron os dous últimos arcebispos de Santiago de Compostela e os bispos de Mondoñedo-Ferrol e Lugo, Fraga Iribarne, Vázquez Portomeñe, López Besteiro, García Leira, Manuel Arroyo, Luís Rial, Tuñas Bouzón, Filgueira Valverde, López Orozco, Adolfo de Abel, Blanco Campaña, Jesús Parga, Emilio Valadé...
Cada ano convócase a súa respectiva edición do Certame galego de arte "José Domínguez Guizán", Certame Nacional de Poesía sobre o Nadal, Certame de Xornalismo sobre o Nadal, Certame de Debuxo infantil, e publícase un libro cos traballos premiados en cada edición dos certames de poesía e xornalismo.
Todos estamos convidados a visitar o Belén de Begonte, esperando que, como quería Fiz Vergara Vilariño, nos aproveite a visita:
pra visita-lo Belén;
de Begonte voltaremos
encheitos de paz e ben."