Ir o contido principal

Festival 27373 (Begonte)

Concello de Begonte

Festival 27373 (Begonte)

A Asociación Cultural Castiñeiro Milenario de Begonte vai organizar a Cuarta edición do Festival 27373 que terá lugar o sábado 8 de agosto no Clube Fluvial de Begonte que presta as súas instalacións para a celebración deste festival.

 

                                                                                          Cartel: Marcos Vigo

O Festival está dividido en dúas partes:

Polo día, a programación vai dirixida aos máis pequenos. A partires das 12:00 comenzan coas actividades deportivas que estarán a cargo na empresa de Begonte Non Estreses, que vai ofrecer paseos en canoa polo marabilloso entorno do río Ladra, esta actividade prolongarase ata ben entrada a tarde. Tamén, a partires das doce a Asociación Bolboreta Fiandeira comezarán as demostracións de fiado acompañadas de canto e música tradicional. A festa estará garantida durante a sesión vermú grazas ao grupo de música tradicional Airiños da Freba de Lugo. Xa pola tarde, ademais dos paseos en canoa e as demostracións de fiado, a partir das cinco, contaremos coa presenza da Asociación Lusco Fusco que traerá xogos e entretemento para os cativ@s e as familias. Media hora máis tarde comezará o IV Aberto de Billarda, grazas a LNB. Agardemos que sexa un bo día para pasar coa familia a carón do río, xantando e compartindo sobremesa nunha zona que conta con tódolos servizos, nun entorno de ribeira perfectamente acondicionado e coidado, onde se pode gozar dun baño, xantar nalgunha das mesas ou mesmo no campo e pasear á beira do río ao tempo que participamos nas distintas actividades.

Pola noite, abrirán o festival o grupo de música tradicional Leña Verde de Pol que xunto ao espectáculo de baile e danza tradicional de Xabi Iglesias, Amálgama Danza ofrecerán un espectáculo único misturando música e baile. Desde Lugo e co seu segundo disco recén saído do forno, chega Arrhythmia, trío de stoner rock cun directo rotundo. E para rematar, Familia Caamagno, un dos grupos revelación deste ano cos seus sons sesenteiros e letras cargadas de ironía, eles serán os encargados de rematar esta cuarta edición do 27373.

Os organizadores agradecen a axuda económica da Deputación de Lugo, sen ela sería imposible facer este festival, ao Concello de Begonte pola axuda económica e infraestruturas, ao Club Fluvial de Begonte por prestar as súas marabillosas instalacións, ás empresas e organizacións colaboradoras, Non EstresesCervexa Artesá Aloumiña, Liga Nacional de Billarda. Tamén a todas aquelas asociacións culturais, artesáns, músicos que vaian vir ao festival e, por suposto, agradecen a presenza de todas as persoas que se acheguen ata Begonte a pasar un día cheo de actividades culturais nun entorno incomparable.

Máis información da Asociación en http://castinheiromilenario.wordpress.com/.

Toda a información sobre o Festival 27373 en http://festival27373.wordpress.com

Como chegar o Club Fluvial de Begonte.