Ir o contido principal

Oitava edición do Festival 27373

Oitava edición do Festival 27373

Oitava edición do Festival 27373

A Asociación Cultural Castiñeiro Milenario de Begonte vai organizar a Oitava edición do Festival 27373 que terá lugar o sábado 10 de agosto no Club Fluvial de Begonte que presta as súas instalacións para a celebración deste festival.

 

O Festival 27373 caracterízase por ser o único festival do Concello de Begonte, un dos poucos festivais cunha programación íntegra en Galego, que apoia a grupos emerxentes e que nos últimos anos conta, polo menos, cun grupo integrado maioritariamente por mulleres. Unha aposta pola língua e pola visibilización da muller nos escenarios.

 

O Festival está dividido en dúas partes: 

Polo día, a programación vai dirixida aos máis pequen@s e ás familias:

  • A partires das 13:00 comezamos coas actividades deportivas que estarán a cargo da empresa de Begonte, Non Estreses, que vai ofrecer paseos en canoa pola marabillosa contorna do río Ladra, esta actividade prolongarase ata ben entrada a tarde.
  • As 13:00 a Asociación Cultural Bolboreta Fiandeira comezará a demostración de fiado de lá e liño.
  • Ás 14 horas comezará unha atractiva sesión vermú co grupo de música tradicional A Fonte de Merlán, gracias ao programa Musiqueando pola Provincia de Lugo da Área de Cultura da Deputación de Lugo. Coñecida é a aposta da asociación pola cervexa artesá e durante a sesión vermú poderemos gozar da cervexa oficial do festival, a 27373, e ademais da presentación dunha cervexa exclusiva para este día, da que só se fixeron 40 litros e que se poderá gozar unicamente durante esta xornada. Ámbalas dúas cervexas son unha colaboración con Alberto Curiel responsable de cervexas Aloumiña.

Pola tarde ademais dos paseos en canoa e as demostracións de fiado:

  • Ás 16:00 , comezará o agardado VIII Aberto de Billarda, grazas á colaboración da Asociación O Varal.
  • Ás 17:30 celebrarase o I Campionato de serrador@s da Terra Cha.
  • A partir das 19:00, abrirán o festival o grupo de teatro Trécola, desde Pol arribará ao escenario begontino a obra "Tolitates", unha representación de monicreques dirixida ao público infantil e familiar que chega ao festival grazas á colaboración do Concello de Begonte. Despois subirán ao escenario, desde a Mos, o grupo de música tradicional, Lagharteiras, mozas pandeireteiras, gañadoras de multitude de concursos e cunha traxectoria ben recoñecida e que este ano son a representación feminina do festival. Logo das cantareiras, subirá ao escenario, chegados da parroquia veciña de Saavedra, Filophóbicas, grupo de punk rock con letras comprometidas e melodías potentes. Para rematar, O Puto Coro do Exército Froilanista, grupo de letras con retranca, ácidas e politicamente incorrectas para rematar este oitava edición .

Un día para pasar ao carón do río, xantando e compartindo sobremesa nunha zona que conta con tódolos servizos, nun entorno de ribeira perfectamente acondicionado e coidado, onde se pode gozar dun baño, xantar nalgunha das mesas ou mesmo no campo e pasear á beira do río ao tempo que participamos nas distintas actividades.

Os organizadores queren agradecer a axuda económica da Deputación de Lugo e do Concello de Begonte. Ao Club Fluvial de Begonte por prestar as súas marabillosas instalacións. Ás empresas e organizacións colaboradoras, Non Estreses, Cervexa Artesá Aloumiña, Castro & Castro. Tamén a todas aquelas asociacións culturais, artesáns, e, por suposto, agradecer a presenza de todas as persoas que se acheguen ata Begonte a pasar un día cheo de actividades culturais nun entorno incomparable.

  

Máis información da Asociación en http://castinheiromilenario.wordpress.com/.

Toda a información sobre o Festival 27373 en http://festival27373.wordpress.com