O municipio de Begonte adheriuse á iniciativa europea “Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía”
O municipio de Begonte adheriuse o pasado 4 de decembro de 2019 de forma voluntaria á iniciativa europea “Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía”, asumindo así os obxectivos en materia de mitigación de emisións de gases de efecto invernadoiro (en diante GEI) e adaptación ao cambio climático definidos no novo marco de actuación en materia de clima e enerxía que a UE traslada, a través deste proxecto, ás autoridades locais dos estados que a integran.
O Plan de Acción para a Enerxía Sostible (en diante PACES) do Concello de Begonte, foi aprobado por unanimidade do Pleno da Corporación municipal, en sesión ordinaria celebrada o día 20 de novembro de 2020.
Ten como obxectivo a descarbonización do territorio municipal, reducindo as emisións de gases de efecto invernadoiro no territorio municipal nun 40% para o ano 2030, tomando como referencia o resultado do inventario de emisións producidas no ano 2018 dos sectores municipal, residencial, transporte, enerxías renovables e xestión de residuos e auga.
A partir do establecemento do obxectivo de redución de emisións, definiuse un detallado plan de acción para o período 2018 – 2030, que recolle, en primeiro lugar, as accións postas en marcha desde o municipio no período 2018-2020 ou xa programadas, que supoñen xa unha redución de emisións de GEI. E ao mesmo tempo, propóñense novas accións de mitigación a executar no período 2021-2030.
No conxunto do plan, a maior parte da redución de emisións recae sobre o sector residencial.
O Concello de Begonte prevé a redución ata 2030 das emisións dos seus edificios, instalacións e equipamentos nun 20 % con respecto ao ano 2018, aplicando medidas destinadas ao aumento da eficiencia enerxética en edificios, instalacións e equipamentos públicos, emprego de fontes de enerxía renovable, a adquisición de enerxía verde certificada e a información e concienciación dos empregados públicos municipais.
O resultado de redución de emisións en 2030, con respecto aos GEI emitidos polo conxunto dos sectores inventariados en 2018, é de 40 %.
Alcanzar unha redución do 40% de emisións en 2030 colocará ao Concello de Begonte na senda de alcanzar a neutralidade climática para o ano 2050, obxectivo asumido pola política europea do clima.