O Pozo do Ollo orixinouse como unha grande sima que ao aumentar de tamaño foi erosionando os materiais sedimentarios existentes nas capas superficiais. Da complexa evolución xeolóxica e xeomorfolóxica resultou finalmente unha lagoa de 45 m de diámetro e cunha profundidade máxima de 38 m. O lago permaneceu rodeado completamente por bosques climáticos. Alberga unha heteroxénea flora e fauna acuática.
A importancia da lagoa do Pozo do Ollo dende o punto de vista da biodiversidade é complementaria da súa importancia paleoecolóxica, ao constituír un sitio de referencia para o estudo do cambio climático a grande escala e das modificacións paisaxísticas do territorio. Neste sentido os sedimentos do Pozo do Ollo poden albergar períodos antigos que ata o momento non puideron ser estudados noutros rexistros existentes nos territorios Atlánticos da Península Ibérica.
Nos anos corenta, unha porción importante do complexo hídrico foi alterado pola actividade dunha explotación mineira que provocou a destrución dun grande número de hábitats de excepcional valor, así como o illamento das Lagoas de Riocaldo do resto do complexo hídrico. Este illamento provocado pola alteración da superficie do terreo e pola supresión ou modificación de pequenos cauces, viuse incrementado pola existencia de dúas vías de comunicación.
Mitos e Lendas
Do Pozo do Ollo dise que serviu de foxo dos soldados franceses derrotados, que para buscarlle o fondo usaron sete adibais e un pote de ferro cheo de coios e non llo atoparon, que a auga sobe e baixa coas mareas, que caeron animais dentro e nunca máis se soubo, que hai cónchegas de peixes e que alí viven mergulladas tres irmás encantadas.
Unha vez pasou polo Pozo do Ollo un home moi pobre e viu na tona da auga unha moza montada nun cabalo branco. -“Se fas o que eu che diga” -disque lle dixo a moza- “serás rico”. E deulle tres bolos de pan coa advertencia de que non llos vise ninguén e de que volvese por alí cos bolos un tempo despois.
O home chegou á casa e gardou os bolos na artesa; mais a muller, que estaba á espreita, colleu un e cortoulle a correcha; o bolo sangrou pola ferida e ela, asustada, devolveu o anaco de pan ao seu sitio. Cando chegou o día da cita coa moza do Pozo do Ollo, o home levou os bolos botounos na auga. E a seguir viu como emerxeron tres cabalos con cadansúa moza a cabalo; dúas das cabalerías enteiras, sans e briosas, pero á terceira, ó cabalo branco faltáballe unha perna.
- “Agora daríache moito ouro, pero como o bolo vén encetado e así nós non nos podemos desencantar, toma esta cinta para a túa muller”.
E mentres que as tres mozas coas súas monturas se sumían de novo na auga, o home quixo ver o galano e envolveuno nun carballo. E ao instante, cal bomba, a cinta estoupou, prendeu lume e arrincou a árbore do chan.