Ir o contido principal

Comunicacións

O Concello de Begonte ten unha lonxitude de estradas superior aos 210 quilómetros, dos que máis de 120 forman a rede municipal de pequenas estradas, baseada en antigos camiños, de responsabilidade municipal. As estradas begontinas presentan a seguinte clasificación:

Rede Estatal

Autovía do Noroeste (A-6)
Estrada Nacional Madrid-Coruña (N-VI)
Estrada Nacional S. Sebastián-Baamonde (N. 634)

N.VI en Begonte

Rede autonómica:
Estrada comarcal Rábade-Ferrol, pasando por Vilalba (C-641)
Estrada autonómica Rábade-Cospeito (Lu-111).
Rede provincial:
Cinturón de Lugo (Pr.16-11)
Rede municipal:
Antigos camiños, ensanchados e alquitranados.

Comunicaciones 01

 

A Autovía do Noroeste, como antes a Nacional VI, e a liña de ferrocarril dividen ao Concello en dúas amplas zonas, de leste a oeste. Pero esta división artificial non fai máis que reforzar a división natural que fai a depresión formada polos ríos Ladra e Parga, que no mesmo sentido atravesan o territorio do Concello.

A Autovía do Noroeste complementa máis que substitúe á antiga Nacional VI, que segue en funcionamento, aínda que de forma máis repousada e servindo especialmente ao tráfico comarcal. Ambas conectan Begonte e todo o centro chairego coa costa coruñesa e coa meseta, constituíndo a máis importante -polo de agora- vía de comunicación do Concello de Begonte.

N. VI - Polígono industrial

A  N-634 (San Sebastián-Santander-A Coruña), entronca en Baamonde coa  N-VI, e conecta ao concello coa capital comarcal, e desde ela coa costa lucense, coas Pontes e Ferrol. Esta vía está agora complementada pola A-8 que provén da Costa lucense e entronca coa autovía Madrid-A Coruña, recibindo á súa vez á vía rápida que se está construíndo entre Ferrol e Vilalba, co que se reforzará cada vez máis o papel deste concello como núcleo de comunicacións.

Comunicaciones 02

 

A C-641, que de Rábade vai a Vilalba, constitúe unha importante vía de comunicación para a zona norte do concello, sendo outra opción de acceso á capital da comarca e, con ela, á costa lucense, a As Pontes e Ferrol. A  Lu-111, que desde a C-641 en Rábade vai ao concello de Cospeito, proporciona unha excelente comunicación a toda a zona oriental begontina. A construción da estrada  PR-16-11 pola Deputación Provincial de Lugo, como parte do chamado Cinto de Lugo, completa a comunicación Norte-Sur do Concello, enlazando amplas zonas de Begonte con outras dos concellos de Cospeito e Friol.

Isto, polo que a vías principais se refire, porque as comunicacións internas entre as diversas parroquias do concello de Begonte efectúanse a través dunha tupida rede de pequenas estradas, os antigos camiños veciñais asfaltados, que enlazan todos os núcleos de poboación do termo municipal entre si e coas localidades limítrofes.

Son un total de 85 vías municipais cunha extensión total de 128 quilómetros.