Ir o contido principal

Historia

Begonte, segundo Vidán Torreira, debe o seu nome aos lexionarios romanos da tribo dos Vocontii, da conca do Ródano. Como POGONTI aparece mencionado o ano 666 na Itación de Wamba, como BOCONTI nos seus respectivos documentos dos anos 966 e 971, e como BOGUNTI en 1137 e 1187. Nicandro Aires, que estudou a orixe do nome, considera que VOCONTII pode tamén significar "Vinte" ou "Os vinte", que podería corresponder aos aproximadamente vinte quilómetros de distancia á capital lucense.

Hai pegadas de vida nesta terra desde uns 3.500 anos A.C., do paso das xentes de Roma. Os Baamonde e os Saavedra deron nome a dúas parroquias do concello, aínda que o paso dos séculos fixo desaparecer casa-fortaleza de Baamonde e o castelo de Saavedra. Un Rey, Bermudo II, pernoitou en Saavedra cando veu conquistar o castelo de Aguiar. Outro, Afonso V, veu ditar sentenza familiar. Aquí os irmandiños loitaron e perderon.

A comezos do século XIX os franceses invadiron a comarca, e dous nomes - FRANCÉS en Santa Mariña de Rábade e FRANCESA en Begonte - gardan memoria daquela presenza.

Begonte foi privilexiado en comunicacións desde sempre. A estrada Madrid - A Coruña inaugurouse xa en 1773. A de Vilalba substituía ao antigo Camiño Real que desde a ponte de Rábade cruzaba este concello.

Historia de Begonte

 

O ferrocarril tardaría en conseguirse para a capital do concello. Chegara a Rábade en 1885. Xa en 1874 Begonte solicitara un apeadeiro. Pero non chegaría a ter estación de ferrocarril ata xuño de 1941, cando o primeiro tren parou en Begonte.

O Concello de Begonte nace en 1842, sendo o seu primeiro alcalde don Ramón Losada y Montenegro. En 1924, Rábade (que pertencía a Begonte) independizouse como entidade local menor, conseguindo ser concello en 1925.